VENTONOSO
PROGRAMA DE ASESORAMENTO A PROPIETARIOS E POBOACIÓN XERAL AFECTADA POLA IMPLANTACIÓN DE PARQUES EÓLICOS NOS CONCELLOS RURAIS DA PROVINCIA DE A CORUÑA
Introdución
O rural de Galicia, nos seus espazos forestais e agrarios acolle na actualidade unha potencia eólica instalada superior aos 4.000 MW, equivalente xa a unhas catro centrais nucleares, o que supón un volume de xeración de electricidade renovable anual duns 10.000.000 MWxhora, e unha facturación anual non inferior aos 610 millóns de euros.
A data de xullo de 2021 hai en Galicia instalados máis de 186 parques eólicos que ocupan directamente unhas 7.000 ha de montes e terras agrarias, amais da superficie dos miles de km de liñas eléctricas precisas para interconectar os parques cos centros de transformación e os nodos de conexión á Rede Eléctrica.
Asemade está previsto que seguindo as directrices da Unión Europea sobre descarbonación das fontes de xeración de enerxía eléctrica, que marcan fitos do 30% para o ano 2030 e o 100% para o ano 2050, tanto Galicia como o resto de Rexións da Unión, as instalación de enerxía renovable multipliquen a súa presenza para acadar os obxectivos sinalados. Sendo así que en Galicia estea previsto desenvolverse unha potencia eólica adicional de alomenos 4.800 MW instalados nos próximos 5 anos.
Non obstante estas cifras, esta actividade que precisa dos espazos do rural e os seus recursos naturais, ata o de agora apenas ten suposto transferencias de renda cara ao rural onde se ubican as súas instalacións. De feito a propia EGA, Asociación Eólica de Galicia, estima unhas transferencias en forma de pago de alugueres aos propietarios dos terreos eólicos duns 11 millóns de euros ao ano, o que suporía apenas un 1,81% da facturación dos parques, e apenas uns 1.571 euros/ha ocupada en concepto de pago anual.
Por tanto o desenvolvemento dos parques eólicos nestes anos, apenas ten xerado desenvolvemento rural en Galicia, debido á falta dun marco axeitado que permitira poñer en marcha fórmulas de compensacións para a mellora de vida dos habitantes das zonas rurais onde se implantan os parques, respecto dos propietarios, percibir unhas rendas xustas pola ocupación dos seus terreos, calculadas non polo valor rústico dos mesmos, senón precisamente pola súa capacidade de xerar enerxía por contar cunhas condicións naturais onde o vento sopra con determinada potencia un número de horas suficientes ao ano.
Obxecto do proxecto
Non existe un observatorio eólico patrocinado pola administración, que dea información solvente e transparencia aos cidadáns en xeral e en particular propietarios afectados polo desenvolvemento dos parques.
Existe unha necesidade obxectiva de información entre o público e especialmente entre os propietarios directamente afectados polo desenvolvemento de proxectos eólicos. Igualmente existe necesidade das Corporacións Locais de ter un coñecemento exacto dos procedementos administrativos para a autorización de parques eólicos.
Neste momento hai en tramitación 69 parques eólicos na provincia de A Coruña, onde se espera desenvolver unha potencia eólica de 4.088 MW nos próximos 5 anos, afectando a un ámbito territorial de 61 Concellos dentro da provincia, o que supón o 66% do conxunto dos Concellos de A Coruña.
Actividades
-
Charlas informativas en parroquias e Concellos afectados por parques eólicos. Orientadas á poboación en xeral. Obxectivo, coñecer o marco actual de desenvolvemento da enerxía eólica, principais afecciones e impactos para a poboación.
-
Charlas informativas dirixidas a propietarios afectados polo desenvolvemento dos parques eólicos. Con información específica sobre procesos de negociación coas empresas promotoras eólicas, prezos medios ofertados por zonas por diversas promotoras eólicas, e sobre o procedemento de expropiación.
-
Asesoramento personalizado, dirixido a particulares e entidades veciñais, para a presentación de alegacións nos procedementos de exposición pública no impacto ambiental e no plan sectorial dos parques.
-
Asesoramento personalizado, técnico xurídico, dirixido a particulares e entidades veciñais, directamente afectadas na súas propiedades pola instalación do parque e os seus elementos auxiliares, como subestacións eléctricas, pistas, e liñas de evacuación e interconexión, a fin de negociar con transparencia e seguridade xurídica coas empresas promotoras eólicas.
-
Redacción de alegacións tipo, e asesoramento a particulares para presentar alegacións.
-
Xestión documental e informativa en páxina web da entidade con información centralizada sobre o desenvolvemento dos parques eólicos proxectados na provincia de A Coruña.
-
Reunións formativas e informativas con colectivos veciñais.